Por que Suidade?

Suidade nace para traer os valores do pasado ao mercado actual. Nun mundo cada vez máis globalizado, adoita esquecerse a riqueza do traballo feito a man, con agarimo, o trato próximo cos pequenos negocios do rural e o valor dos materiais de proximidade. «Suidades» é a forma na que na miña terra se expresa a nostalxia por algo ou alguén, un nome co que quero transmitir a morriña por eses valores que hoxe en día semella que se están a perder.

En Suidade, dedicámonos a revivir esa tradición, ofrecendo accesorios que non só contan cunha historia, senón que tamén manteñen viva a esencia do auténtico e do local. Queremos que cada peza sexa un recordatorio do que realmente importa: o que facemos con amor, respecto e proximidade.

Valores

— Rural

Cremos que a autenticidade e a beleza residen nos pequenos detalles da vida rural, e traballamos para reflectir esta esencia en cada un dos nosos produtos. O noso compromiso é manter vivo o espírito das comunidades rurais, onde a conexión coa natureza e as tradicións son fundamentais.

— Economía local

Apostamos pola economía local, colaborando estreitamente con pequenos comercios e artesáns da contorna. Cada bolso de Suidade é o resultado de esforzos conxuntos que buscan fortalecer as redes locais, xerando un impacto positivo e sostible na nosa comunidade.

— Tradición

A tradición é a alma de Suidade. Recuperamos a maneira tradicional de traballar, non só por facelo de forma artesanal, senón tamén por facelo dun xeito familiar e próximo. Pero non só iso, senón que a música tradicional e a cultura galega son a nosa principal inspiración. Cada bolso conta unha historia, mantendo vivas as nosas raíces culturais e transmitíndoas de xeración en xeración.

— Artesanía

Cada un dos nosos produtos está feito a man, con dedicación e coidado. Valoramos o tempo e o talento necesarios para crear algo único, polo que en Suidade non existen dúas pezas iguais. A artesanía é o corazón da nosa marca, e cada detalle reflicte o compromiso coa calidade e coa autenticidade.

— Sustentabilidade

Cremos nun futuro onde a moda pode ser sostible. A nosa produción está pensada para minimizar o impacto ambiental, promovendo un consumo consciente e responsable.

Facemos producións a pequena escala de accesorios atemporais e adaptables a múltiples situacións, empregando ao máximo os nosos recursos cun obxectivo de cero residuos. Aproveitamos mesmo os refugallos doutras empresas, como no caso das bolsas de tea que usamos no packaging, confeccionadas por nós con tecido excedente doutras marcas.

Así como nos preocupa o medio ambiente, tamén nos importan as persoas. Os nosos provedores son empresas que coñecemos de primeira man, onde sabemos que se respectan os dereitos dos traballadores.

Materiais

— Coiro de Curtición Vexetal

O coiro que usamos en Suidade é de curtición vexetal, un proceso milenario que emprega taninos naturais extraídos de árbores e plantas. Este método é máis respectuoso co medio ambiente que as técnicas de curtición química e permítenos obter un coiro de gran calidade, cun tacto natural. Co tempo, o coiro de curtición vexetal desenvolve unha pátina que lle dá aínda máis carácter e beleza.

As peles que utilizamos son un subproduto da industria alimentaria, o que nos permite darlles unha nova vida e evitar que se convertan en refugallos, contribuíndo á economía circular. Ademais, ao traballar con peles de proximidade, reducimos a nosa pegada de carbono e apoiamos a economía local, mantendo viva a tradición da curtición vexetal na nosa rexión.

— Madeiras Galegas

Para a base dos nosos bolsos, utilizamos madeira de castiñeiro, piñeiro e carballo de Galicia. A madeira que escollemos está tratada exclusivamente con vernices a base de auga, evitando así o uso de produtos químicos tóxicos que poidan danar o medio ambiente ou afectar a saúde dos nosos clientes. A proximidade dos nosos provedores tamén xoga un papel crucial na nosa misión de sustentabilidade. Ao optar por madeira local, reducimos as emisións derivadas do transporte e apoiamos a economía local, contribuíndo a un uso máis responsable dos recursos naturais.

Provedores Locais

En Suidade, sabemos que cada bolso ten unha historia que contar, e esa historia comeza cos nosos provedores locais, que nos acompañan con paixón, tradición e un gran amor polo seu oficio.

Escollemos colaborar con eles porque non só dominan a súa arte, senón porque, ademais, compartimos os mesmos valores. Son esas pequenas empresas familiares que tratan cada cliente como parte da súa casa, poñendo en cada creación agarimo e dedicación.

— Carpinteiros Soneiráns

A madeira que utilizamos é de castiñeiro, piñeiro e carballo, seleccionada con coidado por carpinteiros da comarca de Soneira, a nosa terra natal en Galicia. Estes artesáns, que herdan o seu oficio de pais e avós, traballan cada peza a man, elixindo as mellores madeiras para garantir que cada base dos nosos bolsos sexa única e especial.

— Curtidurías Bergantiñás

O coiro que usamos vén das curtidurías da comarca de Bergantiños, xusto ao lado da nosa terra, Soneira. Nesta zona de Galicia, cunha gran tradición en curtición vexetal, os nosos provedores levan anos perfeccionando a súa arte. Para curtir, utilizan taninos naturais que non só coidan o medio ambiente, senón que fan que o coiro teña un tacto natural e gañe carácter co tempo.